INTRODUCCIÓN HISTÓRICA
O río aparece representado, cos seus afluentes, na "Carta xeométrica de Galicia" de Domingo Fontán, publicada en 1845, sen ningún tipo de nomenclatura; e no mapa da provincia de Pontevedra, de Francisco Coello, de 1856, coa denominación de "Tomeca", mentres que no plano da cidade e no do seu contorno , complementarios deste, como "arroio Goleta".
O padre Sarmiento, na súa "Viaxe a Galicia" de 1745, estudado por Pensado, refírese a el da seguinte maneira: "VI casi el nacimiento del río de Pontevedra que va a la Ponte Nova (hoxe caída) púes nace cerca de Pedra Fita, y riega todo Marcón, y parte de Tomeza, Mourente y Salcedo; y así se llama río Marcón. A este se le agrega otro que llaman de Santa Marta o de Santa Comba, por venir de hacia allí. Y en instrumentos antiguos se llama río Tomeza y de Thomicia..."
Se polo "río que viene de la feligresía de Marcón" -como figura no "interrogatorio" do "catastro" do Marqués de la Ensenada, realizado no 1751, estudado no concernente á nosa capital por Josefina Fernández Mosquera- entendemos que é o Tomeza ou dos Gafos, podemos afirmar que no seu leito había instalados cinco muíños fariñeiros, un propiedade do mosteiro de Poio e outro de Vicente Conde, ambos sen situar, e os tres restantes en "As Figueiras", nos "Pelambres" (que puidera ser o actual "Pelamios") e no "Puente Nuevo", tal vez o que o P. Sarmiento cita no referido "Viaje a Galicia" como xa destruído, situado na enseada o sur do "Campo das Rodas", observando como único vestixio un estribo cunha inscrición que copia e intenta transcribir.
Tamén é coñecido polo río de "La Tablada" e de "La Estación", sen dúbida en atención ós lugares polos que pasa e de denominación moderna.
Máis antiga é a de "Río de los Gafos", termo este, que en galego pode significar sarnoso, leproso, infeccioso en xeral. Consta a existencia en Pontevedra dun hospital de leprosos, unha pequena "vila-hospital" á que Filgueira Valverde lle dedicou un dos seus "Adrais", anexo ó desaparecido santuario da Virxe do Camiño, cuns xardíns que chegaban ata a beira do río. O benedictino berciano, tan ligado a Pontevedra, xa citado, di que viu algúns gafos "recluídos en una jaula a los píes de la iglesia que servía a los leprosos que aún no tenían la gafedad" e dá "Noticia de Algunas Voces Gallegas Antiguas" sacadas de varios documentos dos séculos XIV o XVI encadernados nun tomo, "pertenecientes al Santuario de Nuestra Señora del Camiño, y Hospital Antiguo de los Lazarados, Malatos o Gafos, extramuros de la Villa de Pontevedra, al mediodía".
- Previo
- Siguiente >>