Fechas: Sábado 24 de Outubro do 2009, ás 18:00
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en
Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de
Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de
diversas asociacións e institucións.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.
O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos.
A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador
ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou
cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano
transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada
polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores,
romanceadores... etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se
desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que
xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG, na súa Sección de Literatura Oral.
As polafías terán unha duración aproximada de arredor de 90 minutos.
MÁIS INFORMACIÓN: 676 842 942